Ás veces a loucura é un refuxio, unha forma de desconexión. Educáronnos para borrar a fronteira entre cordura e loucura, para non mirar de fronte esa liña incómoda. Pero… quen é o tolo e quen é o san? quen decide isto? a sociedade, que coloca un límite e clasifica como “tolo” todo aquilo que se sae da linde marcada. En “Cuando Quieras”, a escena convértese nun espazo de fricción entre ese ideal de normalidade e os corpos que non encaixan: movementos que se rompen, repeticións obsesivas, estoupidos de xogo, silencios que pesan. tamén hai quen vive alleo a eses límites, quen nin os coñece nin se preocupa por eles: eses “verdadeiros tolos” que non aceptan someter o seu desexo e o seu corpo ao cadro estreito do que a sociedade considera correcto.
A coreografía propón unha viaxe física e emocional por ese territorio difuso, convidando o público a preguntarse ata que punto a chamada loucura é unha enfermidade, unha etiqueta ou unha resposta lóxica a un mundo que tamén delira.