Despois de pechar o Café-Bar Paraíso, unha traballadora recolle as mesas, apura os restos das copas esquecidas e limpa o local. Nesa soidade de final de xornada, unha interferencia divina na radio, o licor café e o cheiro a lixivia provocan unha revelación: o bar non é só un bar, senón un microcosmos do universo, unha creación súa. Tomando posesión dese novo poder, reinventa o espazo como un Edén no que aparecen Eva e Adán, convertendo o café-bar Paraíso nun lugar vivo e cheo de sentido.
“Gracias por su visita” transcorre integramente nese bar no que todo cobra vida: estropallos, copas, ananás e tapóns transfórmanse en criaturas míticas, mentres a camareira devén deusa e xogamos co límite entre o real e o soñado, entre o meme e o mito. A creación pon en valor o teatro de obxectos e reinventa o relato universal dende a mitificación do cotián, nese territorio onde a decadencia lle dá a man ao divino.