Concerto multidisciplinar de Su Garrido Pombo con Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal, que revisita cancións tradicionais da aldea de Traspielas cunha mestura de electrónica, experimentación, música de raíz e visuais en directo para celebrar a memoria colectiva dun territorio.
As cancións son revisitadas con novos arranxos, nun diálogo entre música tradicional, electrónica e experimentación, mentres as proxeccións combinan imaxes actuais e vídeo de arquivo da propia aldea. Textos, escenografía e visuais nacen da escoita da memoria local, establecendo unha ponte entre pasado, presente e futuro e poñendo en valor a cultura popular dun territorio que non quere desaparecer.
O resultado é un concerto-espectáculo no que a música se inclina cara ao futuro —como di a cita de John Berger que inspira o proxecto—, ofrecendo ás vellas cancións novos corpos, novas imaxes e novos oídos para seguir sendo cantadas.