Un pequeno e, en aparencia, insignificante caracol vén ao mundo. Ten todo por descubrir: o bosque, os outros habitantes, o día e a noite, o inverno e o verán e, sobre todo, a amizade. Acompañado polos demais personaxes, irá descubrindo o que o rodea a través de pequenas grandes aventuras, nas que cada detalle se converte nun acontecemento.
O bosque –o mundo– é un lugar en permanente cambio e transformación, e ao caracol cústalle entender o que ocorre: ao día séguelle a noite, ao inverno o verán, todo cambia e todo volve. Non todo: a súa amiga eiruga non regresará despois de transformarse en bolboreta. Así é o mundo que atopa o noso caracol, un espazo onde aprender a aceptar o paso do tempo, as perdas e as transformacións forma parte do camiño de medrar.