Mandarinas é un dúo vigués formado por Xavier Bértolo ao piano e Rubén Abad á guitarra española. Un proxecto acústico que sobrevoa diferentes xéneros e territorios sonoros, facendo confluir o jazz coas músicas do mundo, a tradición clásica e unha mirada contemporánea, ecléctica e experimental.
A proposta constrúe unha música de carácter viaxeiro, feita de influencias que atravesan tempos e lugares: ecos de Bach ou Ravel, unha raíz jazzística á maneira de Ellington ou Mingus, e ramificacións que se abren cara a distintas manifestacións folclóricas procedentes da Arxentina, Porto Rico, Turquía ou España.
Mandarinas combina o talento de dous representantes destacados do underground galego máis ecléctico e experimental, presentes en formacións como Trilitrate, Comando Radar, Es un Árbol, Cró!, Orquesta Metamovida, Peña, Raposa ou Corvax.
Un concerto íntimo, suxestivo e cheo de personalidade, pensado para o oído afeito ao sincretismo e para quen queira deixarse levar por unha música con raíces, viaxes, memoria e liberdade creativa.