Entre a noite de club, o ritual folclórico e unha paisaxe de resonancias industriais, Giving Back the Blessings pon en diálogo dous universos aparentemente afastados: o vogue e as danzas tradicionais eslavas.
A coreógrafa e bailarina de orixe ucraína Alyna Belyagina, xunto ao artista sonoro Dominik Lekavski, parte destas dúas tradicións, atravesadas pola identidade, a pertenza e a resistencia, para preguntarse que formas de movemento poden converterse hoxe en actos de protesta fronte ás narrativas políticas dominantes.
Os xestos do vogue, os códigos das danzas eslavas e os movementos cotiáns mestúranse nunha coreografía sen un único centro, transitando entre a resistencia, o coidado e a esperanza. A peza desemboca finalmente nunha danza circular colectiva —khorowod ou kolo— que abre ao público a posibilidade de participar, entregarse ao movemento ou permanecer observando.
Unha celebración do corpo e da danza como legado vivo: algo que se transmite, se transforma e continúa circulando entre nós.