Entradas para o espectáculo “HELLEN KELLER. A MULLER MARABILLA?” na Sala Ártika de Vigo.
Data: Venres 21, Sábado 22 e domingo 23 de febreiro de 2025
Hora:
Venres 21 de febreiro de 20:00h
Sábado 22 de febreiro ás 20:00h
Domingo 23 de febreiro ás 20:00h
Recinto: Sala Ártika
Prezo:
Venta online: Entrada Anticipada: 13 € + gastos de xestión
En taquilla: Entrada Xeral: 16 €
Idades recomendada: + 16 anos
Duración: 90 min aprox
Xénero: teatro documental
Idioma: Obra bilingüe en galego e linguaxe de signos.
Formato: grande
Entradas para o espectáculo “HELLEN KELLER. A MULLER MARABILLA” o venres 21, sábado 22 e domingo 23 de febreiro na Sala Ártika.
SINOPSE:
Nos últimos quince anos estreamos unha serie de pezas que cuestionaron as narrativas oficiais sobre o imperio Zara de Amancio Ortega (Citizen), sobre a crise financeira (Eurozone), sobre a globalización (Eroski Paraíso), sobre a insubmisión do mundo rural (As Fillas Bravas), sobre a unidade nacional, a liberdade de expresión e a España Baleirada (Curva España) ou sobre a cultura do petróleo (N.E.V.E.R.M.O.R.E.). Sempre a través de historias locais nas que se cruzan a memoria colectiva e a nosa experiencia persoal.
Agora estamos traballando nun proxecto que vai modificar algunhas das chaves do noso traballo, tratando de cuestionar o noso propio modus operandi para seguir desbordando os límites e as estratexias das prácticas actuais de teatro documento. Para fuxir do ensimismamento. Para non saír na foto. Para non perder o costume de seguir buscando. Afastámonos das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero mantemos o interese por narrar desde as zonas de fricción entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, mantendo a metodoloxía de traballo e as tácticas de creación.
Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para nós, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que sabemos, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos imos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.
Isto provoca a nosa curiosidade. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?
Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?
Este tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso integramos na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos.
FICHA ARTÍSTICA
En escena: Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo, Ángela Ibáñez
Dramaturxia e dirección: Xron
Comunicación: Xana García
Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
Iluminación: Fidel Vázquez
Produción executiva: Patricia de Lorenzo
Axudantía de dirección: Borja Fernández
Gráfica: Tristán Ron
Espazo audiovisual: Lucía Estévez
Espazo escénico: Nononon.lab
Distribución: Cremilo / Carlos M. Carbonell
Vestiario: Uxía Vaello
Idea orixinal: Chusa Pérez de Vallejo
Creación: Chévere
Asesoramento e apoio en inclusión: Chusa Pérez de Vallejo
Produción, administración: Inés Portela
Asesoramento en lingua de signos: Ramón Costoya Lens
Adaptación a LSE: Ángela Ibáñez, Chusa Pérez de Vallejo
Programador subtítulos: Iñaki Ruiz
Prints: Antía Martín
Audiodescrición: Nieves García, Susana Longueira
Unha co-produción de Chévere co Centro Dramático Nacional e co Teatre Lliure, con apoio de AGADIC/Xunta de Galicia. Colaboran: Centro Dramático Galego, Concello de Ames, ONCE, Sala Ártika. Agradacementos: Julia Fernández-Nieto, Vida Bajo Fernández, Irene Iñiguez, Cloti Vaello, Tomás Rábanos, Sara Crespo, José Portela, Elena, Sergio e Ainhoa, Magdalena Pérez de Vallejo, Jorge Bandín Obra en lingua oral (galego) e lingua de signos (LSE), con textos proxectados en galego.
As entradas para o espectáculo “HELLEN KELLER. A MULLER MARABILLA? – CHÉVERE” teñen un prezo de 16 € ou 13 € + gastos de xestión