Isto non é un acto político é a nova produción de Ártika Cía., unha proposta escénica provocadora, dinámica e chea de ironía que reflexiona sobre o avance dos discursos totalitarios na sociedade actual.
O espectáculo preséntase como unha falsa charla TED musicada na que tres conferenciantes defenden, con retranca e humor negro, as supostas virtudes do fascismo fronte a unha democracia que consideran caduca. A través da palabra, da acción escénica e dos números musicais, a peza revela como determinados discursos se infiltran na vida cotiá mediante as redes sociais, a manipulación da linguaxe, o medo, a creación de inimigos e as falsas certezas.
Inspirada no ensaio Instrucións para converterse en fascista, de Michela Murgia, a obra coloca o público diante dun espello incómodo e necesario: canto dese pensamento habita xa na nosa sociedade, no noso entorno e mesmo en nós?
Un espectáculo crítico, divertido e profundamente actual para mirar de fronte o tempo que vivimos.
Actividade expandida
A programación de Isto non é un acto político complétase con dúas actividades de encontro e reflexión arredor dos temas que atravesan a peza.
O venres 2 de outubro, ás 21:30 h, terá lugar a conferencia de Roberto Pascual Que me queres dicir cando me dis neutralidade ideolóxica?, unha actividade que abrirá o diálogo arredor dos discursos políticos, culturais e sociais que interpelan directamente a creación escénica contemporánea.
O sábado 3 de outubro, ás 21:30 h, celebrarase un coloquio posfunción co equipo artístico, no que o público poderá compartir impresións, preguntas e reflexións despois da representación.
Dúas propostas para ampliar a experiencia escénica máis alá da función e favorecer un espazo de pensamento crítico, conversa e participación arredor do espectáculo.