#MQVS Mulleres que viven soas, de Berrobambán, é unha comedia en galego que mestura teatro documental, stand-up comedy e teatro isabelino para poñer no centro as vidas, experiencias e contradicións das mulleres que viven soas.
Interpretado por tres das grandes contadoras de historias do país —Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo—, o espectáculo dá voz e corpo a relatos reais e personaxes femininas de ficción, construíndo unha peza viva, directa e chea de humor, memoria e pensamento crítico.
A proposta nace tamén dun proceso de escoita recollido en dez cápsulas de audio, nas que mulleres de diferentes xeracións e traxectorias vitais comparten a súa relación coa soidade, a autonomía, o medo, o desexo, a liberdade e os xuízos sociais que aínda pesan sobre quen decide, ou aprende, a vivir sen compañía estable.
#MQVS fala de mulleres que levan máis de trinta anos vivindo soas e doutras que acaban de iniciar ese camiño. Mulleres que non responden a un único modelo nin a unha única historia, mais que comparten a necesidade de ser escoitadas sen paternalismos nin etiquetas.
Un espectáculo divertido, intelixente e necesario sobre a soidade escollida ou sobrevida, os mandatos sociais e a liberdade de ocupar o propio espazo.