Nun mundo urbano que se converte nunha nova selva, Mowgli é unha nena criada entre animais que teñen moito que dicir sobre o mundo actual. Punkies, rapeiros e heavys substitúen aos lobos, monos e voitres do conto orixinal, nunha viaxe chea de ritmo, humor e aprendizaxes.
Acompañada por Baloo, Bagheera, Kaa ou Raksha, Mowgli deberá enfrontarse á ameaza de Shere Khan e descubrir quen é realmente, entre luces de cidade, música en directo e moita acción.
O Libro da Selva: O Musical é unha adaptación contemporánea e familiar do clásico de Kipling, con música orixinal en galego, que nos convida a reflexionar sobre a amizade, a identidade, a convivencia e o respecto á natureza… mesmo cando a natureza é de asfalto.