“Complexo de Edipo de Cadaval” é un relato mítico que xa escoitaron milleiros de persoas arredor do mundo: oito mil colombianos, tres mil setecentos africanos –dos que tres mil eran canarios–, e que, segundo o propio texto, probablemente o público europeo coñece xa mellor que a versión orixinal de Sófocles.
O punto de partida é o mito clásico: o home que mata o pai, deitase coa nai e chama fillos aos irmáns. Mais aquí quen o conta non é un coro tráxico, senón unha taberneira dun porto galego, que ademais é a nai do propio monologuista Cadaval. Desde detrás do mostrador, entre pratos e viños, a cociñeira vai desdeñando o mito mentres dá, de paso, a receita da carne asada.
Neste xogo de espellos entre alta cultura e barra de bar aparece de todo: gastronomía, épica, psicanálise, cotilleos, noticias sorprendentes sobre a monarquía española e reflexións moi persoais sobre familia, culpa, desexo e poder. O resultado son setenta e un minutos dun monólogo “traxiridículo”, onde a traxedia e o ridículo van da man e o público pasa de rir a pensar sen darse conta.