En 1944, o mozo químico xudeu Primo Levi, de 24 anos, é deportado ao campo de concentración de Auschwitz. Alí, en condicións extremas de fame, frío e deshumanización, comeza a escribir o relato dos dez meses que pasará prisioneiro, que despois coñeceremos como “Se isto é un home”.
Setenta e cinco anos despois da liberación do campo, un actor entra nun escenario baleiro e afronta o reto de revivir esa experiencia para un público do século XXI. Case espido, baixo unha luz que o expón coma se fose outro deportado, o intérprete dá voz ás palabras de Levi e acompáñanos nun viaxe cara ao lado máis escuro do ser humano e do noso mundo contemporáneo.
A montaxe mestura teatro físico, palabra e unha iluminación de gran forza plástica, que constrúe o barracón, o tren, a rampla ou a ducha só con luz e corpo. O espectáculo fuxe do efectismo para concentrarse na experiencia: fame, medo, degradación, perda da identidade e tamén os pequenos xestos de solidariedade que permiten seguir chamándolle “home” ao home. Crítica e público destacan a interpretación de Carlos Álvarez-Ossorio como “desgarradora, minuciosa e demoledora”, nun dispositivo escénico austero que deixa unha pegada fonda no espectador.