DoNoDoNaDa é a décima produción da Companhia Certa e supón a súa primeira incursión no teatro visual. Trátase dunha parábola sen palabras, pensada para todo o público dos 3 aos 103 anos, na que os xestos e o movemento dos intérpretes son suficientes para contar a historia. A música, presente todo o tempo, guía as accións, subliña as intencións e acompaña as emocións do que acontece en escena.
Nun dispositivo escénico lúdico construído con madeira, cartón e papel, tres personaxes inspirados no cinema mudo de Chaplin e Buster Keaton van entrando nun remuíño de situacións cómicas que nos devolven, como nun espello, ao mundo no que vivimos: persoas que son donas de moito, persoas que son donas de nada, azar, desigualdade e unha loita constante por ter cada vez máis. Mentres o mundo dá voltas e acabamos de pernas para arriba, a peza pregúntase por que, se a vida pasa tan rápido, insistimos en querer acumulalo todo cando en realidade apenas precisamos case nada.
Con humor e ironía, DoNoDoNaDa revela que os seres humanos pasan demasiado tempo a competir, a gañar e a conquistar, e esquecen algo esencial: o que realmente é bo… é brincar.