“SUMAR, archivos del fracaso” é a nova creación do Centro de Investigación Teatro La Peste, baseada na novela Sumar da escritora chilena e Premio Nacional de Literatura Diamela Eltit. A obra preséntanos un grupo de homes e mulleres que forman parte dunha gran marcha que decidiu chegar ata o palacio de goberno, “a Moneda”.
No camiño arrastran demandas históricas, fracasos, dores e traizóns acumuladas durante anos, ao tempo que levan tamén ás costas un país perverso, construído sobre a exclusión e a desigualdade. Son “a caravana dos de sempre”, aquelas persoas que teñen marchado en todas as épocas e lugares do mundo e que, malia todo, seguen avanzando.
A montaxe pon en escena ese bucle histórico e formula preguntas que atravesan tanto a Chile como a América Latina: por que seguir?, ata cando?, con quen?, ata onde? A partir da novela publicada en 2018, que anticipaba os estalidos sociais que o país viviría pouco despois, o espectáculo explora os subterfuxios dun “país oasis” que remata por estourar en rabia.
cun dispositivo escénico de forte carga visual, unha partitura física coral e un universo sonoro propio, “SUMAR, archivos del fracaso” constrúe un arquivo vivo das loitas populares, das feridas e dos corpos en marcha. É unha coprodución do Centro Cultural Gabriela Mistral (GAM), Fundación Teatro a Mil (FITAM) e Espacio Inestable (Valencia, España), que forma parte da celebración dos 25 anos de traxectoria de Teatro La Peste.