“Tres pasos para el éxito” é unha comedia negra unipersoal na que un adestrador persoal / coach, cun aire de gurú motivacional e vendedor de teletenda, guía ao público polo suposto camiño cara ao éxito. A través de nove escenas con revelacións, dinámicas de grupo e exercicios coa audiencia, revisítanse os “fundamentos” da nosa vida contemporánea: a ambición sen límite, a masculinidad fráxil, as desigualdades de xénero, o abuso de poder, o burn out e a deriva da democracia.
O espectáculo emprega a técnica do bufón contemporáneo, cercana ao cabaré, para entrar en temas incómodos e polémicos: é o propio bufón quen encarna as problemáticas sen proxectalas en terceiros, poñendo un espello deformado diante do público para que poida recoñecer o modelo de vida acelerado e consumista no que está atrapado. Desde o humor, a provocación e a participación da sala, a peza convida a tomar distancia, identificar as feridas e decidir se queremos seguir correndo detrás desa versión “premium” da vida que nunca chega.